Inicio Últimas Noticias Samil será epicentro do tríatlon internacional en xuño, coa Copa de Europa...

Samil será epicentro do tríatlon internacional en xuño, coa Copa de Europa e a Copa do Mundo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o presidente da Federación Española de Tríatlon, José Hidalgo, presentaron no Concello a dobre cita internacional, Copa do Mundo de tríatlon paralímpico e Copa de Europa de tríatlon, que se celebrará na cidade a fin de semana do 1 e 2 de xuño con Samil como epicentro e o patrocinio da administración municipal.

O alcalde e o presidente da Federación Española de Tríatlon presentaron no Concello a dobre cita internacional, Copa do Mundo de tríatlon paralímpico e Copa de Europa de tríatlon, que se celebrará na cidade a fin de semana do 1 e 2 de xuño con Samil como epicentro e o patrocinio da administración municipal.

Acompañados por Susana Rodríguez Gacio, campioa paralímpica (2021), Javier Campos, presidente da Federación Galega, o edil de Deportes, Manel Fernández, e responsables técnicos da federación autonómica (Jorge García, director de Competicións, e Irene Mera, técnica), rexedor e presidente explicaron a que será cuarta proba do circuíto da Copa do Mundo de paratriatlón, que se inicia en Abu Dhabi en marzo -logo seguirán en abril Yenisehir e Samarkanda en maio-, e tamén a competición continental, na que os focos se centrarán no vigués Antonio Serrat.

Abel Caballero, do mesmo xeito que José Hidalgo, significou como clave a presenza de Susana Rodríguez Gacio (Vigo, 1988), cinco veces campioa do mundo e ouro en Tokio, “a máis importante deportista que Vigo tivo nunca na súa historia e unha das máis grandes deportistas máis grandes de España”, e lembrou que “ser portada de Time (2021) é algo reservado para uns poucos privilexiados. E ti fúchelo. Teño un inmenso orgullo de que sexas de Vigo e a cidade séntese reflectida no teu esforzo, calidade e capacidade”, explicou o xefe do goberno local, ademais de celebrar que Vigo sexa sede tamén da Copa de Europa para outro deportista vigués, Antonio Serrat. Ámbolos dous son, tamén, triatletas da cidade que contan con subvención municipal para deportistas individuais de elite.

Leer más:   O goberno municipal humanizará a rúa República Arxentina

Pola súa banda, o responsable do tríatlon español recoñeceu “a motivación de que imos traballar cun alcalde que sempre quere ser o mellor e quere o mellor para a súa cidade” e anunciou tamén o primeiro éxito desta cita internacional antes mesmo de que se dispute: “Vigo será absolutamente innovadora no panorama do tríatlon europeo e mundial porque por primeira vez en España, e creo que en Europa, van desenvolver nunha mesma sede unha proba de Copa de Europa de tríatlon e outra de Copa do Mundo de paratriatlón. Tivemos que poñer de acordo á Federación Europea (a ETU) e á Mundial (World Triathlon) para confluír en Vigo por primeira vez.

“Por fin estamos en Vigo e ademais como queriamos. Para nós era moi importante”, sinalou Hidalgo, presidente da Española, na súa intervención. “Estiveramos, e estamos, en moitas capitais galegas e tiñamos que estar na mellor. Acollemos esta proba con moita expectación e ilusión porque desde a Federación Española de Tríatlon aspiramos a que Vigo sexa un referente mundial polas súas posibilidades”, subliñou.

Leer más:   25.000 personas utilizaron o Halo na primeira fin de semana de funcionamento

De feito, esta primeira experiencia pretende ter unha continuidade pois “estamos a pensar no horizonte do que pode chegar a ser Vigo porque temos as mellores vimbias: un circuíto fantástico na praia de Samil”, dixo Hidalgo.

O alcalde da cidade incidiu na súa satisfacción por este acordo. “Estamos moi orgullosos de que sexa en Vigo por vez primeira este nivel excepcional de tríatlon. Gozaremos dunha proba de enorme dureza, calidade e beleza no mellor escenario que podía ter neste planeta, que é a praia de Samil. Non hai un lugar como Samil para unha competición destas características”, manifestou. De feito, Hidalgo comentou que “o noso estadio non é pechado senón que o imos a construír ensinando o mellor, e todo o epicentro da competición o día 1 vai ser precisamente a praia de Samil, que imos ensinar ao mundo, e as mellores imaxes de Vigo como cidade do tríatlon”.

O presidente federativo, que encomiou o traballo da Federación Galega, “referente no tríatlon español”, co que dá por feito o éxito organizativo, recoñeceu que “temos os mellores embaixadores” en Antonio Serrat, o único triatleta clasificado para os Xogos Olímpicos de París polo momento, e en Susana Rodríguez Gacio. Serrat está a adestrar e preparándose en Lanzarote. Hidalgo está convencido que Serrat “vai facernos soñar” o 30 de xullo en París. E sobre Rodríguez Gacio, foi tamén directo: “Gañouse ese dereito para ser icona mundial: é unha inspiración para as nenas, para a igualdade e a inclusión. Ela merecíase poder competir na súa cidade e que os seus paisanos vexan o valor que ten dentro e fóra da competición”.

Leer más:   O MARCO expón ata agosto a mostra "Dexesando ser" do artista Daniel Verbis

Ademais, Hidalgo avanzou que haberá unha proba aberta, “que imos organizar coa Federación Galega, para a promoción do tríatlon na cidade” a fin de dar espazo tamén aos triatletas vigueses en particular e galegos en xeral.

Susana Rodríguez, pola súa banda, agradeceu a unión das federacións nacional e autonómica co Concello para que no mundo “poidan coñecer o lugar onde eu vivo e adestro. É unha honra presumir de que puiden desenvolver toda a miña carreira deportiva en Galicia”. A laureada deportista expresou o seu desexo de que este “sexa o principio dun futuro que coloque a Vigo no centro do tríatlon mundial”, ao que o alcalde aseverou que “pretendemos iniciar unha senda de grandes probas de tríatlon en Vigo. Este é o principio e facémolo porque temos unha gran campioa: Susana é unha proba da superación persoal, está a haber unha revolución do feminismo e en Vigo temos unha persoa que nos representa de forma extraordinaria”, concluíu.


- Te recomendamos -
Artículo anteriorMIR Asturias destaca con seis de las diez mejores calificaciones en médico interno residente
Artículo siguienteVigo terá 5 millóns de axudas á formación de expertos en microchips