Inicio Últimas Noticias A campaña “Grazas xoguetes” xa pasea por Vigo nos Vitrasa animando a...

A campaña “Grazas xoguetes” xa pasea por Vigo nos Vitrasa animando a regalar sen estereotipos

A campaña xa pode verse no exterior dos autobuses das liñas H e L17 e o vídeo proxéctase nos vehículos de todas as liñas que percorren a cidade. Desde hoxe mércores e ata o 6 de xaneiro, a campaña da Deputación para a adquisición de xogos e xoguetes igualitarios e non sexistas xa é visible nos autobuses de Vigo.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentaron a iniciativa “Grazas xoguetes” nun dos Vitrasa xa rotulado na parada da Laxe, no que destacaron o “impactante” da campaña, que “pretende crear conciencia na sociedade de que nenas e nenos teñen que xogar a todos os xogos e con todos os xoguetes sen que pensemos que uns están pechados para nenas ou para nenos”.

A imaxe da campaña e o seu lema “Grazas xoguetes por axudarnos a soñar sen estereotipos” xa pode verse na parte traseira e laterais das liñas H (que circula dende Navia ata o Hospital Álvaro Cunqueiro) e L17 (entre Matamá e A Guía). Ademais, os autobuses de todas as liñas que percorren a cidade proxectan nos seus traxectos o vídeo no que os cinco protagonistas da campaña, a catedrática de Inmunoloxía África González, a cineasta Emma Lustres, o bailarín Diego Landín, a futbolista Paula Dapena e o cociñeiro Pepe Solla, agradecen aos seus divertimentos infantís terlles inspirado para elixir a súa ocupación laboral.

Carmela Silva agradeceu a colaboración da compañía Vitrasa para visibilizar estas campañas desde hai varios anos e tamén ao alcalde por facilitar a súa difusión en Vigo, “co consecuente impacto que vai ter”. “Eu animo –dixo a presidenta provincial- a pais, nais, avós avoas, amigos e amigas, e a centros educativos a que cando merquemos un xogo ou xoguete o merquemos pensando na felicidade das nenas e os nenos e en que todos os xoguetes son para todas e para todos”. Puxo de exemplo aos e ás protagonistas da campaña, “que hoxe son grandes referentes na nosa provincia grazas a eses xoguetes cos que xogaron sen estereotipos”. O vídeo promocional así o amosa: Pepe Solla xogaba cunha cociniña xunto á súa avoa, Paula Dapena cun balón, Emma Lustres con material de cinema; África González con instrumentais de investigación e Diego Landín con bonecos que bailaban.

Pola súa banda, Abel Caballero, destacou que a campaña significa “ir transmitindo ideas e afianzando novas formas de entender a modernidade e os xogos e as culturas de nenas e nenos”. “Este –dixo- é un xogo interactivo entre pais, nais, avós, avoas e menores. Cada neno ou nena que xogue co que lle guste. Polo tanto trátase de trazar novas dinámicas e entender o que está a suceder no mundo”. Engadiu que o feito de que os buses de Vitrasa leven a imaxe da campaña “é unha boa noticia e a forma de ir lanzando desde etapas mais temperás a igualdade e as culturas que se van asumindo e forman parte da naturalidade”, neste caso a través “dunha palabra moi importante que é xoguetes”. “Os valores –concluíu- teñen moita importancia porque regulan a sociedade do presente e do futuro. E irán arraigando os valores facendo unha sociedade e unha cidade cada vez máis igualitaria”.

“Grazas xoguetes” reivindica deste xeito a importancia e o decisivo papel dos xogos e xoguetes na educación, no desenvolvemento da personalidade e na elección de futuras profesións. Xunto ás frases de cada protagonista figura un lema común: Este Nadal aposta polo talento das túas fillas e fillos, aposta por xoguetes libres de estereotipos. A campaña da institución provincial ten soportes físicos e virtuais, que inclúen amais da presenza nos Vitrasa, o vídeo colectivo e os individuais de cada protagonista, carteis e publicidade en medios. A iniciativa está dirixida á infancia, ás persoas encargadas de tomar a decisión de comprar un xoguete, como as familias, e tamén ao profesorado, Anpas, clubs deportivos e axentes culturais.

Amais, por segundo ano convócase un concurso creativo dirixido á nenas e nenos de 3º e 4º de Primaria, co lema “O mellor xoguete do mundo”. O certame anima ao alumnado, que concursará por equipos, a deseñar un xoguete orixinal, creativo, igualitario e non violento. Os e as participantes poderán deseñar o seu xoguete sen límites de tamaño ou peso, aínda que se valorará o emprego de material reciclable. Unha vez listo, deberán enviar foto da súa creación, con prazo ata o 30 de xaneiro, ao enderezo participa.igualdade@depo.es. O certame, está dotado cun primeiro premio para o centro gañador consistente nunha actividade didáctica e material educativo igualitario, e dous accésit, cos que os centros recibirán material educativo igualitario.


- Te recomendamos -