Inicio Últimas Noticias O goberno municipal aproba 3.560 becas de comedor para alumnado da cidade

O goberno municipal aproba 3.560 becas de comedor para alumnado da cidade

A Xunta de Goberno Local aprobou este venres as axudas municipais de comedor e material escolar para educación Infantil, Primaria e Secundaria que se aboarán este mes de decembro. As axudas para o comedor ascenden a 3.560, 560 máis que o ano anterior, polo que o Concello incrementará en 250.000 euros a partida destinada a este fin.

Segundo explicou o rexedor en rolda de prensa, as 3.560 bolsas de comedor son o “número máis alto que houbo nunca na historia da cidade porque a xente necesítao”. A alta demanda provocou a dilatación do proceso de tramitación e o goberno municipal tivo que incrementar o presuposto destas axudas. Con todo “non hai nin unha soa familia en lista de espera para as becas de comedor, sabemos que temos que incrementar a cantidade que dedicamos e faremos un suplemento de crédito de 250.000 euros para facer fronte a esta demanda. O obxectivo do Concello é que “ningún neno ou nena cumprindo os requisitos, queda sen comedor na cidade”.

Ademais, o alcalde deu conta das axudas aprobadas para material escolar, que son soamente para Educación Infantil de 3 a 6 anos: 1.430, 80 máis que o ano pasado, un 19% de incremento.

Así, a partida destas axudas chega a 1.530.000 euros, cando a inicial era de 1.280.000 euros para libros e comedor. A esta cantidade, hai que sumar os 600.000 euros que o goberno municipal destina ás bolsas de comedor de Foanpas. Por tanto, apunta Caballero, “estamos dedicando 2,2 millóns a bolsas de comedor en Vigo cando é unha competencia da Xunta de Galicia, que non paga estas axudas”.

Pavimentacións

A Xunta de Goberno Local deu luz verde tamén á contratación de obras de pavimentado de varias rúas por importe de 1,5 millóns de euros. Son Avenida de Fragoso con orzamento de 524.000 euros, rúas Carme e Cesáreo González: 172.949 euros; Avenida Atlántida: 298.689 euros, a rúa Nigrán, cun investimento de 103.468 euros e as rúas Padre Seixas e Porriño por 329.921 euros.

O alcalde puxo en valor esta dedicación para mellorar a cidade, que se suma aos máis de 1,2 millóns de euros aprobados xa para a renovación de firmes en Camiño Pousa (Castrelos), Camiño Couto (Beade), Camiño Rioboo (Salgueira), Baixada Salgueira, Fuchiños (Oia), Estrada José Rivas (Coruxo), Camiño Caringosta (Alcabre), Rúa San Paio (Navia), Camiño San Xurxo (Saiáns), rúa Penís (Cabral), rúa Párroco don Serafín (Teis), rúa Cantabria (Teis), rúa Fonte Escura (Lavadores), Camiño Sabaxáns (Lavadores), Camiño Sampaio de Abaixo (Sampaio), rúa Parrocha (Bembrive), Camiño Bicada (Candeán) e rúa Vista do Mar (San Xoán).


- Te recomendamos -