Inicio Últimas Noticias O Concello reitera á Xunta a súa vontade de cooperación na posta...

O Concello reitera á Xunta a súa vontade de cooperación na posta marcha da estación de autobuses

O goberno local advertiu esta mañá de que a posta en marcha da estación de autobuses non pode supoñer en ningún caso o empeoramento do tráfico da cidade. O concelleiro de Fomento aclarou que o Concello aínda non dispón da documentación da que debería dispoñer e emprazou á Xunta a manter unha reunión técnica “imprescindible” para estudar as formas de acceso á estación de cada unha das liñas.

O concelleiro de Fomento, Javier Pardo, reiterou esta mañá a vontade de cooperación do Concello de Vigo na posta en funcionamento da nova estación de autobuses. Logo de explicar que é á Xunta a quen lle corresponde tomar a decisión sobre a data do traslado, advertiu que deben respectarse en todo momento as normas de tráfico, competencia exclusiva do Concello de Vigo. A este respecto, incidiu o concelleiro en que no período de Nadal hai un plan de tráfico específico que contempla e peonalización e semipeonalización de varias zonas da cidade, un plan de mobilidade coñecido desde antes do acendido das luces, “unha normativa que debemos cumprir todos”.

En rolda de prensa, Pardo aclarou que a Xunta aínda non trasladou toda a información precisa sobre o número de rutas e paradas que pretenden realizar. Concretamente, detallou, o pasado 5 de decembro -antes da semana dos festivos – ás 14,309 h o goberno autonómico aportou a través do rexistro municipal parte dunha información que aínda non está completa a data de hoxe. Sobre a eventual intención da Xunta de implantar novas paradas na cidade, o responsable de Fomento instou á Xunta a solicitalas para que o Concello poida analizalas e tomar unha decisión ao respecto, algo, que non ten nada que ver co traslado á nova estación.

Na súa comparecencia, reiterou que a posta en marcha a estación non pode significar, en ningún caso, o empeoramento do tráfico na cidade. Lembrou que o obxectivo de emprazar a estación en Vialia e o acceso á mesma desde a AP9 é reducir tempos e mellorar as condicións de acceso á cidade. “Non pode ser que 350 autobuses circulen danando severamente o tráfico nunha zona tan sensible como Gran Vía, Urzáiz ou Lepanto”.

Javier Pardo rematou a súa intervención apelando de novo á cooperación, unha oferta que estivo enriba da mesa desde e primeiro momento, tal e como fixo público o alcalde en reiteradas ocasións. Neste punto, considerou imprescindible que técnicos de ambas administracións se reúnan o antes posible para estudar a forma de acceso á nova estación de cada unha das liñas. “Ata o de agora, a Xunta non prantexou ningún encontro destas características e coidamos que é fundamental”.


- Te recomendamos -