Inicio Últimas Noticias O Concello licita a cubrición do patio do CEIP Frián-Teis

O Concello licita a cubrición do patio do CEIP Frián-Teis

A Xunta de Goberno aprobará este venres a contratación das obras da cuberta do colexio Frián-Teis cun importe próximo ao medio millón de euros. Tamén aprobará actividades para maiores cun importe de 200.000 euros.

O alcalde avanzou que este venres o goberno local aprobará a licitación da cubrición do patio do colexio Frián-Teis. Esta acción supón un investimento de case medio millón de euros.

Abel Caballero sinalou que o obxectivo desta acción, como se está a facer nos colexios públicos de Vigo, é que os nenos e nenas poidan facer deporte e recreo tamén os días de choiva.

As obras inclúen unha cuberta lixeira no patio exterior, translúcida, composta de paneis realizados con placas de policarbonato e pechada parcialmente cun faldrón continuo. Crearemos unha zona porticada de comunicación entre o patio e o interior do centro escolar para que o alumnado poida desprazarse por esa zona cuberta nos días de choiva sen mollarse. Aproveitando o desnivel, crearase un espazo para almacenaxe e unha pequena bancada no espazo de diferente cota entre o terreo e a pista deportiva. Amais, renovarase o pavimento da pista deportiva, actualmente en mal estado, e vai adaptarse a zona verde axardinada da nova edificación.

O alcalde lamentou que “non sexa a Xunta quen faga este tipo de obras” e que “O Bloque e Marea de Vigo non apoien a obra”.

Vigo, cidade amiga dos maiores

O goberno local pon en marcha o programa municipal “Vigo, cidade amiga dos maiores”, cheo de activdades para persoas de máis de 65 anos.

O alcalde puxo de manifesto que se trata dunha acción “para apoiar aos maiores no seu tempo de ocio e actividade vital”. Deste xeito, haberá obradoiros en centros cívicos, asociacións veciñais e ao aire libre con estimulación cognitiva e ximnasia. Tamén se ensinará aos maiores con tarefas de dixitalización e competencias dixitais. O programa tamén inclúe actividades de ocio con viaxes pola ría, saídas organizadas con monitores, visitas a museos e achegarse ata o cine ou o teatro.


- Te recomendamos -