Inicio Últimas Noticias O Nadal de Vigo loce nos autobuses de Avanza

O Nadal de Vigo loce nos autobuses de Avanza

Tres autobuses da empresa que xestiona o transporte urbano da cidade percorrerán as estradas españolas con publicidade “gratuíta” do Nadal da cidade. Caballero avanza o mantemento da subvención aos billetes do transporte urbano

O alcalde achegouse este mércores á contorna da Laxe para coñecer de preto o rotulado co que Avanza vestiu tres autocares do seu grupo. Son os que cobren a ruta de transporte de viaxeiros entre Madrid e Vigo, Madrid e Salamanca e Madrid e Valencia e locen un vinilo con imaxes das luces da cidade baixo o lema “Navidad de Vigo. La mejor del mundo”.

“É publicidade gratuíta” que pode verse circulando polas estradas españolas, apuntou o rexedor, que agradeceu “moito” a Avanza que permita que a cidade amose o seu Nadal, como fixo xa en ocasións anteriores. Incidiu tamén na importante presenza mediática da actividade navideña de Vigo malia non “dedicar nin un céntimo á publicidade do Nadal de Vigo”.

Abel Caballero referiuse á importante afluencia á cidade de visitantes procedentes de Portugal e explicou que a cidade volveu recibir miles de visitantes na xornada deste pasado martes. O Concello rexistrou a entrada de 56.800 vehículos, 3.900 máis que na xornada anterior e, tal e como explicou en rolda de prensa, o dispositivo de tráfico “foi ben para a densidade de tráfico que houbo, con algunha dificultade medible no mesmo centro, pero no resto da cidade funcionou e o propio centro foi exclusivo para peóns e accesos aos residentes”.

O alcalde amosou a súa satisfacción coa resposta que está a dar a cidadanía co Nadal: “Todo o mundo quere ser Vigo e agora todas as cidades poñen luces de Nadal”.

Prezos transporte urbano

O rexedor agradeceu a decisión do Goberno de España de manter a renovación á subvención do transporte público polo que se prolonga a subvención aos autobuses urbanos da cidade. Así, os billetes de Vitrasa que teñen un custe de 1,40 euros, custarán 0,62 céntimos ás persoas usuarias da PassVigo, ao continuar a axuda de 0,51 céntimos do Concello e de 0,27 céntimos do Goberno de España. Sen elas, o prezo do billete sería 1,40 euros. No caso do estudantado, o billete custaralles 0,60€ con PassVigo (con 0,54 céntimos de desconto do Concello e 0,26 céntimos do Goberno central). No caso do billete universitario, custará 0,47€, xa que o Concello subvenciona 0,73 céntimos e o Goberno español 0,20 céntimos. O billete social seguirá custando 0,48€ (0,71€ de desconto do Concello e 0,21€ céntimos menos grazas ao Goberno.

Pola contra, criticou Caballero que a Xunta de Galicia non subvencione “nin un céntimo do transporte público de Vigo”.


- Te recomendamos -