Inicio Últimas Noticias O Concello presentará en FITUR “Vigo: millóns de visitantes nos acreditan”

O Concello presentará en FITUR “Vigo: millóns de visitantes nos acreditan”

Vigo estará na Feira Internacional de Turismo o xoves 19 de xaneiro no stand de TurEspaña para presentar o seu proxecto turístico do ano 2023 baixo o lema “Vigo: millóns de visitantes nos acreditan”. Vigo tamén presentará en FITUR Screen a cidade como estudio de gravación de películas e series para as grandes produtoras.

Vigo presentará este xoves na Feira Internacional de Turismo o seu proxecto turístico para 2023 baixo o lema “Vigo: millóns de visitantes nos acreditan”. Abel Caballero avanzou que Vigo fará a súa presentación no stand de TurEspaña, “o espacio máis importante de FITUR”.

A presentación, que será ás 17 horas, contará o Nadal de Vigo “que recibiu millóns de turistas”, o que sucede no verán, a Reconquista e os concertos de Castrelos. “Ímolo ir contando e transmitindo a todo o mundo para que coñezan o que é Vigo”, adiantou o rexedor.

Vigo tamén estará presente na sección FITUR Screen, que promociona ás cidades como estudio de gravación audiovisual e a promoción do turismo cinematográfico. O lema neste eido será “Vigo: un estudo de gravación para mil historias”. Para o alcalde isto é un atractivo turístico máis, e lembrou o éxito da cidade o ano pasado co rodaxe de “Un asunto privado” para Amazon ou “Un hombre de acción” en Netflix. “As plataformas e grandes produtoras xa están a poñer a súa atención en Vigo para as súas rodaxes”, declarou Caballero.

O alcalde cualificou de “ambición turística” o que está a facer o Concello neste eido e puxo de manifesto que o sector xa ocupa un lugar destacado no ámbito mundial.


- Te recomendamos -