Inicio Últimas Noticias Vigo celebra a Festa da Reconquista entre o 25 de marzo e...

Vigo celebra a Festa da Reconquista entre o 25 de marzo e o 2 de abril de 2023

A vixésimo sétima edición da Festa da Reconquista levará á cidade, un ano máis, ata 1809 para recrear o levantamento da cidadanía viguesa contra os exércitos de Napoleón e coa cualificación de Festa de Interese Turístico Nacional.

O alcalde referiuse á festa como “unha romaría urbana. A máis importante romaría urbana de Galicia” no transcurso da presentación en rolda de prensa da Festa da Reconquista de Vigo 2023 xunto á Asociación Veciñal e Cultural do Casco Vello de Vigo.

Para Caballero esta é unha “festa moi singular, con características propias” que supón “unha gran mobilización de tradición e de cultura. Unha gran mobilización lúdica. Ten tódolos aditamentos para facer unha grande rememoración, unha celebración para estar todos xuntos”, referíndose á “dimensión teatral e cultural marabillosa, con actores e actrices non profesionais que participan activamente na representación, o que lle dá enorme fortaleza” á recreación dos feitos históricos de 1809, á historia da cidade.

Pepe Fumega, presidente da Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo, agradeceu o apoio do Concello, que achega 120.000 euros sendo o principal financiador da festa, e manifestou o “orgullo” da entidade por poder organizar un ano máis esta cita histórica tan “arraigada” na veciñanza da cidade e coa que colaboran máis de 600 persoas. Destacou amais a importante de que a xente acuda á festa vestida da época de 1809.

Este ano, a Reconquista desenvolverase entre o 25 de marzo e o 2 de abril. O sábado 25 será a representación da invasión dos franceses e a destitución do alcalde, no Berbés. O xoves, 30 de marzo, celébrase a Reconquistiña, na Porta do Sol. O domingo, 2 de abril, será cando a cidade represente a expulsión dos exércitos franceses, tamén na Porta do Sol.

O cartel deste ano foi deseñado polo artista Andrés Meijide a quen eloxiou o alcalde ao tempo que destacou a “cooperación conxunta coa vontade e vocación de ir trazando esta grande festa” felicitando á organización polo labor que desenvolven para o bo funcionamento da cita.

Desde o vindeiro luns, 23 de xaneiro, e ata o 20 de febreiro, poderán solicitarse as autorizacións para os postos de venda da Festa da Reconquista. As bases publicaranse na páxina web da Asociación de veciños do Casco Vello e na páxina web do Concello (www.vigo.org).

Na presentación participaron tamén Fiz Axeitos, secretario da Asociación Veciñal; Xerardo Feijóo, voceiro de Cultura da entidade, e José Manuel Veiga.


- Te recomendamos -