Inicio Últimas Noticias O Concello inicia a obra das ramplas mecánicas en Teis

O Concello inicia a obra das ramplas mecánicas en Teis

O alcalde puxo a primeira pedra simbólica da obra do Vigo Vertical que dará acceso ao centro de saúde de Teis. A humanización e posta en marcha das ramplas mecánicas na rúa Ángela Iglesias Rebollar salvará unha pendente do 17%.

Arrancou a obra das ramplas mecánicas de acceso ao centro de saúde Teis. Abel Caballero e parte da equipa de goberno achegáronse á zona para a colocación da simbólica primeira pedra que marca o comezo da humanización da rúa Ángela Iglesias Rebollar cunha rampla porticada de case 50 metros de lonxitude. O goberno local adica a esta acción 1.308.000 euros.

O alcalde de Vigo detallou en rolda de prensa que a rampla estará cuberta cos pórticos metálicos e cerramentos en vidro, ademais de contar con xardíns de aproximadamente metro e medio a ambos lados. O proxecto tamén prevé a renovación da rede de saneamento e fecais, canalización do alumeado e novos puntos led así como una estatua en honor a Ángela Iglesias Rebollar. Ademais, o concello reordenará o tráfico na zona coa instalación dun semáforo no cruce da rúa Ángela Iglesias Rebollar coa Avenida Galicia.

Caballero deu conta das accións que Vigo está a facer en materia de mobilidade sostible coa instalacións de ramplas, escaleiras e ascensores en Vigo. Así, lembrou actuacións en marcha como as ramplas de Gran Vías, o HALO, as ramplas en Escultor Gregorio Fernández, a ramplas e ascensor entre Travesía de Vigo e Aragón, as escaleiras mecánicas de Talude, a rampla de Serafín Avendaño, o acceso mecánico de Carral a Porta do Sol, a unión de Romil con Hispanidade, colexio Losada con Ramón Nieto, o corredor mecánico de Juan Ramón Jiménez coa actuación entre Camelias e Hispanidade e Marqués de Valterra con Torrecedeira.

“Imos facer un corredor mecánico entre o Auditorio Mar de Vigo ata Hispanidade para chegar desde a parte baixa ao alto da cidade en dous minutos e medios”, afirmou o rexedor.

Muro Camiño Freixeiro

Caballero referiuse ao muro apuntalado no Camiño Freixeiro desde outubro 2019 e quixo comezar agradecendo aos veciños a “paciencia” que demostraron dado que a tramitación da reparación está a ser moi “extremadamente laboriosa”. Tal e como detallou, foi preciso localizar aos propietarios das parcelas afectadas, unha propiedade da empresa Finca do Conde e outra, cedida ao Concello dentro dun proxecto de compensación pero non figuraba no Inventario de Bens Municipais.

Unha vez resolto este problema, o Concello redactou un proxecto de reparación do muro que debe contar con autorización de Patrimonio debido a súa proximidade ao Pazo da Pastora polo que se lle enviou á Xunta o 26 de setembro de 2022. Tres meses máis tarde, o goberno local recibiu un requirimento de información adicional a subsanar en dez días. Entre outras cuestións, o organismo autonómico reclama un estudo que analice o estado actual do inmoble, as patoloxías, as solucións construtivas, os riscos e as causas de desplome do muro e a xustificación de desmontar o muro total o parcialmente. Dentro da “inxente” cantidade de documentación reclamada tamén figuran alzados e seccións acotadas do muro actual de pedra e do resultante tras a intervención, nos que se detalle a rasante natural do terreo, que non pode ser modificada.

En verbas do rexedor, esta esixencia responde a una orden de Alfonso Rueda de obstaculizar a través de Patrimonio Histórico. “É obstrucionismo da Xunta para que non se repare o muro e se abra a rúa antes de eleccións”.


- Te recomendamos -